Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 10 de noviembre de 2009

MACEDONIA. II

1. Ágora
     Vin Ágora, de Amenábar, sen ter ningunha información/opinión previa sobre ela. Pareceume esaxerado o tratamento dado á Igrexa católica. Despois comprobei que se adapta bastante á historia, aínda que teña elementos propios da cinematografía. Creo que explicita ideas que andan ou andaron polo noso blog:
- As xerarquías eclesiásticas (católicas) non poden cuestionar a fe.
- Os filósofos/científicos deben cuestionala, como facía Hipatia.
- Fanse verdadeiras masacres en nome de Deus, como san Cirilo de Alexandría.
- Hai persoas non cristiás con valores moi cristiáns.
- Hai fundamentalismos en todas as relixións, tamén na nosa.
- Relixión e ciencia son difíciles de harmonizar: destrución da Biblioteca de Alexandría.
- As relixións manipúlanse con fins políticos. 
Sen analizar valores artísticos, pareceume unha boa lección de historia, mestra da vida, para que non a repitamos. Por iso é necesario coñecela, como recomendaba W. Churchill.
 
2. A verdade padece pero non perece
     Pobre Clío! Pobre musa da historia, tan maltratada pola súa propia nai Mnesósime, a potencia xenésica da memoria.
Afortunadamennte, non todas as musas sofren o mesmo trato, porque musas hai musísimas:
Musa da limpeza: Gamusa.
Musa das arañas: Musaraña.
Musa do quiexo: Musarela.
Musa dos cornificados: Cornamusa.
Musa do ceo: Musácea.
Musa das baldosas: Musaica.
Musa dos carotas: Musageta.
     Co título Idealización falsaria de la República acordeime de conceptos tan familiares como "Redentor de España", "Espada de Deus", "Espada do Altísimo", "Glorioso Movemento Nacional", "Santa Cruzada" e "Caudillo de España por la gracia de Dios".

     A memoria selectiva é memoria de molusco: segrega unha cuncha encubridora e protectora.
Non vou entrar hoxe na dialéctica  de transcribir datos e textos da represión, eufemisticamente depuración, franquista desde 1939 a 1950. "Alerta, falangistas, la guerra no ha terminado", arengaba don Francisco en Málaga en abril de 1939.
Ocultar a represión ata 1950 é ir contra a historia, e cada un é responsable da bibliografía que frecuenta e das ideas que decide apadriñar. Santa Tareixa dicía que "a verdade padece pero non perece".

     Creo que se está argallando unha palataforma cidadá para promover a causa de canonización da persoa a quen tanto lle debemos. Xa é patrón da igrexa do Val dos Caídos: "Fundador y patrono...", lese na placa, entrando á esquerda na igrexa subterránea. Creo que o Vaticano prohibe que sexa patrón dunha igrexa quen non estivese canonizado, pero hai excepcións... "por la gracia de Dios".
Dicionario RAE. "Patrono: santo titular de unha iglesia".

     O vacabulario pode ser, efectivamente, tendencioso, como dividir España en "rojos" e nacionais. Os libros de historia adoitan evitala, porque nacionais eran todos.
Realidade e verdade, subxectiva e poliédrica, non son conceptos unívocos. Esta pode recrearse como e cando se queira. A realidade non é tan dócil.

     O futurible de que os vencidos fosen os vencedores, e viceversa, é historia-ficción e creo que este xénero non entra aquí.

     Acordeime tamén de Donoso Cortés (1809-1853), que asimilaba a ditadura a un feito divino, a unha orde da Providencia. "Trátase de escoller a ditadura que vén de abaixo e a que vén de arriba: eu escollo a que vén de arriba", escribiu.

     Carl Schmitt (1888-1985), xurista oficial do Terceiro Reich e ideólogo do nazismo, foi seguidor de
Donoso.  Foi postulante do Estado de excepción, no que "a autoridade, non a verdade, fai as leis".
No 1962 os xerarcas franquistas réndenlle homenaxe a Schmitt e don Manuel imponlle a distinción de membro de honra do Instituto de Estudos Políticos. Don Carlos invoca a Providencia divina e define o acto como "unha festa sagrada no crepúsculo da vida".

     O Seminario Conciliar de Santiago destacou desde a súa fundación (1929) polo arcebispo frei Rafael de Vélez na defensa do ultraconservadurismo. Este capuchino escribiu:
La apología del Altar y del Trono.
Preservativo contra la irreligión y los Planes de Filosofía.
Defendía o absolutismo e non sería raro que nos xélidos claustros se respirase a idea da sacrosanta unión do Trono e do Altar, e de que o réxime de Franco e a Igrexa estivesen unidos "como o corpo á alma".
O Seminario publicou o primeiro panexírico de Franco en plena guerra, nel conta don Manuel Silva, sacerdote, como se tramou a conspiración golpista, antes das eleccións, cando xa se albiscaba a derrota das dereitas. Describe con fervor triunfal os sanguentos feitos ocorridos. Os protagonistas decláranse fascistas sen rubor.
Era normal, pois, que o Seminario fose escola de adhesión á ditadura, pero nós somos novos e non collemos eses tempos.

     Desde a Lei da memoria histórica xa non me parecen tan enigmáticos os versos de Machado:
Incerto é, en verdade, o porvir.
Quen sabe o que vai pasar?
Mais incerto é tamén o pretérito.
Quen sabe o que pasou?

3. Francisco Ayala
     A morte do único supervivente da xeración do 27 é unha boa ocasión para renderlle homenaxe lendo algún dos seus libros.
Vin unha reportaxe, creo que na TV", e chamoume a atención a capacidade de perdón desta familia tan castigada pola barbarie.
Como viviu 103 anos, puido recoller varios premios desde 1983, que lle fixeron un pouco de xustiza.

4. Don Carlos Amigo
     A xubilación do arcebispo de Sevilla tivo un sorprendente tratamento mediático. Quizais sexa polo seu talante conciliador e porque sabe distinguir as esferas civil e eclesial. Tamén nos recorda outros eclesiásticos que colaboraron na transición democrática comprendendo a sociedade.
Xubiloso retiro! A xerarquía queda algo empobrecida. 

5. Pesqueiro Alakrana
     Hai 190 persoas secuestradas, de 20 pesqueiros que sofren a mesma desgraza do Alakrana. Nos outros países están tratando o tema con discreción. A gaiola de grilos que aquí se monta está dando argumentos aos piratas somalís e aumentando o risco para os secuestrados.
   As conversas telefónicas coas familias e as entrevistas aos medios son permitidas polos piratas, que dominan con armas a situación no barco e con redes de información, que os asesoran, a sociedade española. A colaboración de tanto salvador, quizais busque outros obxectivos.
   Se controlan a información, manexan a situación con vantaxe. A información é poder. E os piratas dan mostras de estar moi ben informados.

6. Muro de Berlín
     O 20 aniversario da caída do Muro de Berlín sería ocasión magnífica para comentar este feito que cambiou o rumbo da historia. As consecuencias positivas son evidentes pero tamén hai sombras na deriva ao capitalismo brutal, ao capitalismo de ficción, como o define Vicente Verdú en El estilo del mundo. Anagrama. 2003.
Ata a primeira, se non nos lemos antes.
                       Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario