Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 19 de enero de 2010

E OS PODERES DO INFERNO NON A PODERÁN VENCER. I

Todo é bagatela, Rafael, comparado coas consecuencias do sismo de Haití. Pero hai que seguir tirando. Escribir pode ser unha menciña para coller algún alento de optimismo.
Admira a capacidade de reacción e a xenerosidade da comunidade internacional e deprimen agora os atrancos que se observan para distribuír a axuda, que é urxente.
A min  cústame ver imaxes da catástrofe, non sei se perdín ou gañei sensibilidade.

Fundada sobre rocha
   O título, sacado de Lucas, 16,18, recolle palabras de Xesús, que garante a supervivencia da Igrexa ante calquera circunstancia, mentres a especie humana non se extinga. Por unhas discrepancias, Senín, o reino non será destruído.
   Se estas palabras non inspiran confianza, temos 2000 anos de historia, nos que a barca de Pedro non naufragou, pese á intensidade das galernas: séculos de ferro ou de chumbo, corrupción do papado e do clero, cisma de Oriente con Focio e Miguel Cerulario, cisma de Occidente con Urbano VI e Clemente VI, papas renacentistas, escisión de Lutero, de Henrique VIII de Inglaterra... con guerras terribles de por medio.

Reforma, contrarreforma, ruptura
   A dialéctica reforma, contrarreforma, ruptura vense repetindo desde os primeiros séculos. Pero os tempos de reforma son breves e os de contrarreforma ocupan longuísimos períodos.
   O cristianismo naceu de movementos de renovación do xudaísmo arredor de Xesús de Nazaret, xudío marxinal. Pronto se instalou no sistema e xurdiu a Igrexa constantiniana, aliada co poder.
   Moitos movementos de renovación medievais foron excomungados e tiveron existencia efémera. Imponse de novo a Igrexa feudal.
   A reforma de Lutero contestouse coa excomuñón do agustino e coa contrarreforma, que durou desde o concilio de Trento ao Vaticano II.
   Esta dialéctica repetiuse tamén nos tempos máis próximos. As revolucións científicas, sociais, filosóficas e políticas chocaron coa contrarrevolución da Igrexa. :
- O evolucionismo co creacionismo.
- O modernismo co antimodernismo.
- A filosofía coa neoescolástica.
- A democracia coa teocracia.
- Os dereitos humanos cos dereitos devinos.
   A reforma do Vaticano II durou pouco máis dunha década. Con Paulo VI, Xoán Paulo II e Benedicto XVI comezou a contrarreforma. E aquí estamos, sumidos nesta "longa invernada da Igrexa", como definiu Karl Rahner.

Cismas antes, discrepancias agora
   As rupturas actuais diferéncianse das antigas en que agora son soterradas. Roma, máis insegura, procura non romper con ninguén. Uns aguantan como Hans Küng: "Nunca sentín a tentación de abandonar a Igrexa. O feito de ter problemas cos seus administradores cáusame molestias frecuentes, pero ninguén pode expulsarme da miña patria espiritual natal".
Outros marchan en silencio.
Vaise producindo tamén unha ruptura da xerarquía coa sociedade, que pasa do tema porque xa non é teocéntrica e a relixión ten pouco peso nas súas vidas.

Ruptura non declarada
   Nesta contrarreforma a ruptura non está declarada pero é bastante real. Exemplos:
- Mentres os teólogos progresistas e os movementos cristiáns de base defenden o laicismo como marco político e xurídico de convivencia, os bispos defenden a confesionalidade da sociedade e do Estado.
- Mentres os sectores críticos do cristianismo apoian iniciativas lexislativas para regular o aborto e a súa depenalización; as mulleres católicas reclaman o dereirto a decidir como suxeitos morais; a xerarquía católica fala de asasinato ou xenocidio, de delito e acusa de cómplices aos parlamentarios favorables á lei.

Caso Munilla
   O escrito asinado polo 77% do clero guipuscoano, 85 dos 110 párrocos e a inmensa maioría dos arciprestes, supoño que tampouco vai disolver a igrexa diocesana de Donostia. Impoñerase a autoridade de Roma, ou de Rouco-Cañizares, e asumiranse as decepcións e os afastamentos solapados.
   Non é novo o rexeitamento do clero/sociedade vasca a bispos anteriores. Fundamentaban as protestas en que non eran vascos, non coñecían a sociedade e non falaban éuscaro. O sorprendente é que Roma cambia de estratexia e envía un bispo vasco, párroco en Zumárraga 19 anos e que coñece o seu idioma. Ademais é mozo, periodista de Radio María e ten recursos dialécticos para tentar convencer. 
   Na lectura do escrito parece que non se aprezan motivacións políticas. Os mesmos que falan agora de politización do clero vasco non ven rastro de politización nas actuacións da Coferencia Episcopal nin na elección dun bispo.
   Pensar que hai bispos progres e bispos conservadores tamén é arriscado. Todos parecen conservadores. A Igrexa romana abandonou hai tempo o debate ideolóxico.
   Algún parágrafo do escrito parece traslucir debate pastoral e procedemental:
- Apoio e adhesión á liña pastoral e estilo eclesial desenvolvidos ata agora na diocese, en fidelidade co Vaticano II.
- Compromiso de seguir camiñando en coherencia coas acción pastorais establecidas.
- "Manifestamos a nosa disconformidade e desaprobación coa intencionalidade e o procedemento seguidos".
- "Lamentamos e deploramos que nunha cuestión tan transcendental coma esta non se tivese en conta nin respectase o sentir da nosa Igrexa".
   É o texto de 131 sacerdotes que coñecen ben a don Xosé Ignacio dos seus anos de párroco vasco. As súas razóns terán. Un parente que vive en Vitoria díxome que lera que nos anos de párroco de Zumárraga confeccionara un dossier con datos persoais e ideolóxicos de cada párroco doicesano. Esta lista negra descubriuse porque lle quedou esquecida nun arquivo do ordenador parroquial.
  Quizais o que se cuestione tamén sexa o sistema de elección, no que Roma ignorou o desexo de curas e bispos vascos e se decantou pola estratexia de Rouco.

Por que a Igrexa non se democratiza?
   A Igrexa xerárquica non foi sempre tan autoritaria como agora:
- "Que non se lle impoña ao pobo un bispo que o pobo non desexe", san Cipriano, bispo de Cartago, primeira metade do século III. Consideraba "de orixe divina" o dereito do pobo a elixir os seus pastores.
- "Aquel que debe presidir a todos debe ser elixido por todos", León Magno, papa de 440 a 461.
- Non se debe ordenar bispo a ninguén contra o desexo dos cristiáns e sen lles ter consultado expresamente ao respecto", León Magno, o papa  que freou a marcha de Atila sobre Roma.

   Non son textos excepcionais na literatura teolóxica da época, nin se limitan a reflectir un desexo utópico. A elección de bispos polo pobo foi práctica habitual da igrexa no primeiro milenio, como demostra Edward Schillebeeckx, recentemente falecido, en El misterio eclesial.
   San Agustín e san Ambrosio (s. IV) víronse obrigados a aceptar a  elección como bispos de Hipona e de Milán, respectivamente, en contra da súa vontade, porque foran aclamados pola comunidade cristiá.
   Paulino de Nola, amigo de Agustín, Ambrosio e Xerome, foi elixido bispo por aclamación popular, sendo sacerdote casado.
   O concilio de Calcedonia (451) opúxose á elección dos candidatos non vinculados a unha comunidade, ata o punto de declarar inválida esa elección. O bispo ou sacerdote que deixaba de presidir unha comunidade volvía ao estado laical.
   A elección era, ás veces, reñida e había altercados se non se respectaba a vontade do pobo.
   As protestas polo nomeamento de Munilla producíronse non porque a comunidade non participase, senón porque se fixo en contra dos seus desexos. Casos similares de oposición hainos na historia recente da Igrexa.
    Pero estou sobrepasando a extensión recomendada e debo cortar. Continuarei outro día coa pregunta formulada sobre a democratización da Igrexa. 
    
                               Eduardo Seco

P. D. Despois de ter escrita esta entrada, escoitei a entrevista a Munilla en La Ventana, 14-I-10. Deixou algunha perla merecedora de comentario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario