Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 20 de enero de 2010

MISCELANEA III

O tempo é o que paseniñamente sanda as feridas. Pasaron uns días e o contacto cos adolescentes parece que quitan a un do ensimesmamento no que me deixou a traxedia humanitaria,das mais grandes que se acordan, en Haití. No Instituto os compañeiros falamos diso e,o que mais e o que menos todos sentimos abraio e desacougo, Os propios alumnos, adolescentes que precisan do noso afecto e seguridade, tamén están conmocionados polo que aparece na prensa e na televisión. O que me sorprendeu favorablemente foi a reacción de aqueles rapaces que tiña por mais insensibles. Os que pasamos tanto tempo coas crianzas,como lles chaman os portugueses, tendemos a encadralos e logo como nos costa mudar de criterio e opinión sobre un alumno.

Eu no mes de setembro axúdolle ao equipo directivo, desde hai moitos anos, a formar os grupos. Teño a teima e manía de sacar do expediente do titor do curso anterior todos aqueles datos e notas que sexan desfavorables para o alumno. Cada curso o alumno debe ter a oportunidade de comezar coa folla en branco. O Profesor titor,cada grupo ten o seu, equivale ao que nós lle chamabamos o prefecto, debe empezar o curso sen prexuízo algún sobre cada alumno. O xuízo sobre o alumno debe ser unha conclusión da nosa observación persoal. E modificamos mais a súa conduta valorando positivamente aquilo que fai ben, reforzándoa, que afeándolle aquilo que fai mal. Iso non quere dicir que non haxa que reprendelos cando o seu comportamento non é correcto. Sempre co afecto e respecto que merecen e do que tan necesitados están xeralmente.

Saúdos para todos. Comentarei algunhas cousas das que leva dito Eduardo sobre a participación neste blog, e mais sobre algunhas cousas que nos dixo ultimamente.

Participación: Eu cada vez que vexo alguén, ou me chaman, ou coincido con algún desta quinta, sempre o animo a que participe; pero temos que recoñecer que cada un ten a súa circunstancia concreta: Persoas maiores ao seu cargo, netos que atender,outras actividades absorbentes. Eu mesmo antes da diagnose do Crohn sería incapaz de manter estas comunicacións,coa largueza de tempo que lle adico .Hai xente que lle costa mais escribir. Hoxe todos estamos inmersos noutras comunidades e grupos. Hai mais de 40 anos, os que acabamos a Teoloxía, que deixamos a convivencia extensa e intensa que tivemos. Hai moita xente que,coma nós,se xuntan ,nun xantar, unha vez cada ano. Estas xuntanzas xeralmente adícanas, polo que algúns me teñen comentado, a lembrar aqueles episodios máis anecdóticos de compañeiros e profesores. Os cregos como Andrés, Alvite e outros teñen as súas ocupacións. Ben é certo que querer é poder. Esta idea fundamentou a campaña americana a prol de Presidente Obama: “We can” Así como “podemos”que lle axudou a Selección Española a ser a campioa de Europa. Naquela ocasión escribira eu o seguinte:

AUTOESTIMA E FUTBOL

“Parabéns para os autores da campaña publicitaria que axudou considerablemente á Selección Española a gañar a Copa de Europa. Dende a emisión do primeiro spot tiven o convencemento de que iso ía a funcionar. O berro de podemos da confianza nun mesmo e fai milagres. Se un confía en si mesmo acada o que se propón. Detrás do fracaso escolar, empresarial, profesional e incluso convivencial hai sempre unha moi baixa autoestima e falta absoluta de confianza nas calidades persoais dun mesmo. Incluso os pobos con baixa autoestima teñen grandes dificultades para o seu desenvolvemento. Deberíamos sacar conclusións e promover noutros eidos publicidades semellantes.”

Por tanto, amigos, aqueles que queirades, propoñédeo como fai Ramón Senín,Fernando Ledo, Manuel López. Andrés L. Amboage,Andrés Vilariño, Luis Sánchez ,Doval,Luciamo Pena e algún outro que se teña asomado a esta fiestra. Non me esquezo de Seco e Puertas que son segreles maiores desta quinta sen os que perderiamos os sinais de identidade. Mentres teñamos plumas tan certeiras e rigorosas, con mais ou menos participación, como as dos que levan participado mais activamente esta criatura, amigo Eduardo, manterase hoxe e maña Deus dirá. De momento levamos medio ano e para o 1º aniversario avaliaremos se nos mantemos ou nos imos coa música para outro lado.

Colaboración de Eduardo:Linte por dúas veces. Transportáchesme ao ano 1965 no que, durante o primeiro trimestre, Rios Fernández nos impartiu historia da Igrexa. A parte que correspondía aos tres primeiros séculos era do mais emocionante. Despois no 313 coa conversión de Constantino e co edito de Milán converteuse nunha institución poderosa da que aínda hoxe, na parte mais visible, segue sendo o meirande lastre,Comparto a túa argumentación que me parece moi certa e sensata. Outro día volveremos,seguramente, sobre algunhas das moitas ideas expostas. Por hoxe nada mais. Hai que deixar materia para outros días .Rafael

N.B. Cando ía publicar isto vin o telegrama atípico de Eduardo. Pensaba. como mañá hai folga no ensino e manifestación en Santiago, adicarlle o próximo comentario. Hai que felicitar a todos os académicos e ao seu Presidente Xosé Ramón Barreiro. O informe é dunha contundencia e cunha fundamentación e motivación ,non soamente xurídica, impecable e maxistral. O informe de expertos xurídicos que non coñezo completo,”prima facie” tamén parece dunha solidez impresionante. O decreto de saír tal como está ,sobre todo naqueles puntos que din non estrar dispostos a rectificar, como son a consulta aos pais e a liberdade de elección de lingua polo alumno, terá moitos contenciosos e os avogados que se encarguen da parte técnica non terán que documentarse moito nin adicarlle gran tempo de estudo. Como din que dicía Meilán Gil, bo Catedrático e avogado de Dereito Administrativo, para defender este caso non preciso de vestir a toga. O sistema educativo está na arquitectura constitucional e na LODE (Lei Orgánica do dereito a Educación) e na Lei Orgánica 9/1995, da Participación, a Avaliación y o Goberno de los Centros Docentes tan ben deseñada a participación dos pais a través dos consellos escolares que si se saen do xa lexislado incorren nunha vulneración do principio de xerarquía normativa que fai o decreto nulo radicalmente e de pleno dereito. Terán que volver ao consenso do Plano de Normalización Lingüístico co que se fixo o actual Decreto do 50% mínimo que rompeu unilateralmente o Partido Popular a véspera de mandalo ao DOGA. Que llo pregunten a Dona Manolita Besteiro que foi unha das negociadoras. Mañá irei a manifestación de Santiago. A ver a quen vemos por alí, Xa vos contarei. Rafael”ut supra”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario