A "Quinta do 57" é un colectivo de alumnos que ingresamos no Seminario Menor de Belvís no ano 1957 con once ou doce anos de idade. Tamén os alumnos que se sumaron posteriormente. Amigo que nos visitas, contactas con ex-seminaristas do Seminario Menor e Maior de Santiago de Compostela entre 1957 e 1969, algúns cregos, a maioría non. Este Blog cumprirá a función dos periódicos murais que ilustraban as paredes dos corredores do Seminario.
Benvidos
Belvís
domingo, 3 de enero de 2010
Non est necesse navigare
Amigos todos:Estamos principiando a rematar a primeira década deste século. Tempus fugit,carpe diem. (Falta o ergo que se sobreentende). Esta é unha das ideas forza dos libros chamados de autoaxuda. O pasado xa pasou e non volverá e o momento presente é o único que existe xa que o futuro é incerto como a vida mesma. Así que hai que aproveitar o día a día mentres andamos por este mundo. Que a todos ese futuro incerto vos depare bos momentos na compaña dos que temos arredor que é a quen nos debemos.
A frase que da titulo a este texto parece que procede daquel Pompeyo que xunto con Craso e Julio Cesar formaron o primeiro triunvirato que gobernou Roma. Na que foi antiga Universidade Laboral da Coruña Cruceiro Baleareas (Hoxe mantén o nome I.E.S Cruceiro Baleares) había un cadro moi grande co mapa mundi e arredor, en letra gótica, a inscrición seguinte: NAVIGARE NECESSE EST VIVERE NON EST NECESSE Como a frase estaba en círculo podíase empezar a ler por calquera sitio. Cando os alumnos nos preguntaban o significado, aos que sabiamos latín, traduciamos que non e necesario navegar e necesario vivir. Aínda que posteriormente un afeccionado a Historia díxome que o que pronunciara Pompeyo era ao revés. Estaba nunha batalla naval é o importante era navegar a vida pouco importaba. Xa vedes o mundo ao revés xa ven de lonxe. Que este ano que empeza non perdamos a ilusión de ilo poñendo algo mais dereito naquilo que teñamos competencia.
Nesta primeira tarde deste primeiro domingo deste ano xa me da ganas de deixalo así. Xa se veu a noite enriba. Despois das longas sobremesas destas comidas familiares que rematan á posta do sol xa non quedan moitas ganas de mais lerias. Amais debemos comezar o ano sen que o viño se nos avinagre. Non por moito madrugar amence mais cedo nin por desafogar os cabreos se transforman as realidades senón polo que, día a día ,podemos facer por mellorar o que está en relación con nós.
Vou, non obstante, a contarvos,conforme ao prometido, como descubrín a obra gráfica de Vicente Risco. Hai tempo lin un libriño: PELERINAXES I de Otero Pedrayo (Itinerario d`Ourense ao San Andrés de Teixido) editado por NOS no ano 1929. E unha gozada. Durante once días,parten o 4 de Xullo, fan unha viaxe a pé de Ourense a San Andrés de Teixido D. Ramón e D. Vicente. Tómanos por axentes do Catastro,inspectores da Facenda...etcétera. O diario escríbeo Pedrayo e as ilustracións son de Risco. Fundamentalmente detalles das Igrexas,petos de ánimas e cruceiros dos pobos polos que pasan. Sucédenlle e descobren moitas curiosidades que D. Ramón conta tan ben. Un día comenteino cun profesor de galego, de casualidade, e foi o que me informou da obra gráfica de Risco. Hai un libro en Galaxia que leva ese título.
Risco que se ten como o pai do nacionalismo Galego, da teoría, tivo unha vida parece que moi atormentada .Foi moi crítico coas alianzas e derivas do partido galeguista cos demais partidos que formaron a fronte popular. De todos modos participou activamente na campaña a prol do Estatuto de Galicia. Cando deron o golpe de estado contra a república pasouno mal. Para salvar a vida,”durante a guerra foi un afervoado cantor dos fascistas sublevados” segundo di a súa biografía. No 36 o Mosteiro de Oseira converteuse en cárcere como tantos outros. Os falanxistas levárono para que lle dese charlas aos presos sobre o beneficioso que era o fascismo dos sublevados. Na Rexión aparecen os seus artículos laudatorios Por iso Castelao cando se refire a el en “Sempre en Galiza”e o cita di: "dicía Risco, cando Risco era alguén".
Por hoxe mais nada. Agradecerlle a Eduardo as colaboracións tan rigorosas que fai e tamén a información que nos dou Luis Sánchez sobre ao O.N.G.e mais a obra dese misioneiro que son os que gañan sobradamente o Ceo. A todos os que participades mais activamente ou menos, sen esquecer a Andrés L.e a Puertas que nos deixa ler os poemas que tan ben compón. A Fernando Ledo, a Luciano e aos que algunha vez participastes nesta canle de comunicación. Contádenos algo que nos gustará lelo. Que os Reis vos traian algo se o merecestes e se non carbón. Rafael
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario