Volvo entrar, interrompendo o tema iniciado, cun telegrama que me parece inaprazable.
Onte lin Análise da Real Academia Galega das Bases para o decreto de plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia. 16 de xaneiro de 2010.
Quedei gratamente sorpendido. Lino por segunda vez, por se estaba soñando; era pola madrugada.
A Análise é completa e demoledora; utiliza argumentos sólidos: lingüísticos, xurídicos, pedagóxicos, didácticos e organizativos.
Deixa claro que xa hai moita xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional sobre os puntos conflitivos. E resulta que os fallos son sempre favorables ao Decreto vixente que se quere substituír e contrarios ao hipotético decreto que se quere implantar para derrogar o anterior.
Na Voz de Galicia de hoxe acabo de ler o resumo doutro informe de máis de 60 expertos, que conclúen que no borrador existen debilidades xurídicas. Os expertos son xuíces, avogados, catedráticos de Dereito, fiscais, decanos de Colexios de Avogados e secretarios xudiciais de Galicia.
Para esstes profesionais a Xunta "amosa un preocupante descoñecemento do marco constitucional e estatutario que rexe o uso das linguas oficiais".
Non hai ningún colectivo educativo que apoie tales Bases.
Para ler a Análise da RAG: www.realacademiagalega.org
Para o informe dos expertos: www.lavozdegalicia.es
No medio de tanto nubarrón agradécense estas raiolas de optimismo e de esperanza.
Mañá, 21, haberá folga no ensino e manifestación en Santiago, en contra das Bases.
Ocasión haberá de volver sobre o tema.
Eduardo Seco
No hay comentarios:
Publicar un comentario