Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 26 de enero de 2010

E OS PODERES DO INFERNO NON A VENCERÁN.II

Manda carallo! Sen galego e sen traballo!
   Este encabezamento é o texto dunha das moitas pancartas inxeniosas que vin na manifestación do 21 en Santiago, convocada por Queremos galego.
   Coa información que está saíndo, todos podemos ter xa opinión propia.
   Creouse un problema que non existía para impoñer unha ideoloxía agora.
   Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, afirma nunha entrevista a El País (17-01-10):
"Agora non hai ningún problema coas linguas nas aulas".
Pregunta. Por que se cambia o decreto vixente?
Resposta: "Porque foi unha promesa electoral".
   Foi unha promesa electoral como a de levar austeridade á Xunta co pretexto do coche blindado de Touriño. Agora sabemos que:
- A Xunta meteu no garaxe 18 coches, dos cales 17 foran mercados por Gobernos anteriores.
- Presidente e conselleiros estrearon cargo con coches novos Citroën o día da toma de posesión.
- A Xunta segue mercando coches, e de gama alta.
- Os coches retirados están á venda. Quedan 17 sen vender, creando PIB estático, que é o máis seguro.
Austeridade ou dolo?
   O Presidente acusou aos primeiros opositores ás bases do decreto de nacionalistas extremistas radicais. Somos, pois, un país ateigado de xente perigosa: RAG, Consello da Cultura, colectivo de xuristas e profesores de Dereito, pedagogos da Universidade de Santiago, federacións de APA do ensino público, do concertado e do relixioso. Incluso cargos importantes do PP falan de insulto a Galicia.
   Ten que empezar xa a operación de rerreconquistar este indómito Macizo galaico, estes fisterráns radicais.

   Na manifestación dixéronme que existía un grupo de clérigos, incluídos cóengos de Santiago, que se manifestaron a favor do galego. Se alguén ten noticias destes extremistas infiltrados na sacra institución, que os desenmascare xa. Nunha manifa anterior vira a Andrés Torres Queiruga.
Con humor os males son máis leves.

Sen galego e sen traballo! O galego pode ser unha boa cortina para tapar a situación económica, encomendada aos poderes taumatúrxicos de san Xacobeo 2010. No 2011 xa poderemos vivir de rendas, coma os ricos.

Construída sobre rocha
   Dicía na achega anterior que:
1. A Igrexa, pese a todo, non corre risco de destrución.
2. A  Igrexa ten dous reloxos: un fugaz para os tempos de reforma, e un reloxo parado para os de contrarreforma.
3.  A elección democrática foi práctica non allea á Igrexa do primeiro milenio.
4. A oposición ao nomeamento de Munilla ten antecedentes na historia recente:
- Bogotá, 1971. Oposición do clero e de boa parte do pobo a Afonso López Trujillo como bispo auxiliar. Durante a cerimonia tiráronse octavillas.
- Sacerdotes de Barcelona protagonizaron unha sentada no patio do palacio episcopal, disconformes coa liña pastoral de Marcelo González, protector de Munilla.
- Protesta en Tarragona polo nomeamento de Jaume Pujol, do Opus Dei.
- Campañas frecuentes contra rumores sobre nomeamentos de bispos considerados non axeitados para a diocese.
   O problema radica, quizais, nos modelos de nomeamento, que poden ser:
- Xerárquicos-patriarcais: elección polo Papa sen intervención do pobo cristián.
- Democráticos-igualitarios: adaptada ao principio "un cristián/unha cristriá, un voto". Este procedemento está en sintonía cos procesos electorais das sociedade democráticas e ten o seu fundamento na dimensión comunitaria do cristianismo.

   Alguén obxectará que a Igrexa é unha institución de orixe divina. Non vale o argumento, porque:
- A democracia non ten que ser contraria á vontade divina.
- O Papa e os bispos defenden a democracia na sociedade civil e non a practican na Igrexa.
- Deus non pode querer a democracia dos gobernantes e opoñerse a ela na comunidade cristiá.
- A Igrexa xa foi democrática na metade da súa existencia.

   As monarquías absolutas foron caendo en Occidente grazas á Revolución Francesa. Sería necesaria unha revolución relixiosa, pero o reloxo da reforma vai tan veloz que non dá tempo a que se artelle.

   A protesta por Munilla non veu, creo, porque Uriarte sexa democrático e Munilla autoritario. Ambos os dous deben obediencia ao Papa e aplicaron prácticas autoritarias.
- Uriarte vetou a varios profesores da Escola de Teoloxía, vinculada á Universidade de Deusto.
- Munilla trasladou a Madrid o Seminario palentino en contra da opinión do clero.
Alguén dixo que o despotismo é a patoloxía episcopal más frecuente.

Aproximación a monseñor Munilla
   Despois de oír a monseñor en La Ventana, 14-01-10, algo se pode dicir. Estaba dando unha boa imaxe, manexaba ben a dialéctica, parecía seguro ante o micrófono, como profesional. Nas últimas preguntas...
- Como se explica a existencia de Deus ante a catástrofe de Haití?
- Hai males peores có desatre de Haití. Debemos chorar máis ben pola nosa pobreza espiritual, polas nosas carencias espirituais. Existen males maiores ca os de Haití.
Enfrontar unha realidade á outra parecía provocación; de alguén que cuadriculou a mente con filosofías e teoloxías escolásticas no seminario ultraconservador de Toledo, a onde o levou Martín González; de alguén a quen a soidade e a friaxe do palacio episcopal lle conxelase o corazón.
Pregunta.  Daríalle a comunión a Zapatero?
Resposta. Zapatero non debe presentarse a recibir a comunión, porque ten un conflito interior na súa conciencia.
Esta resposta pasou desapercibida nos medios pero paréceme moi grave. Quen lle deu a chave para entrar na conciencia de ninguén? Non é a conciencia territorio privado inviolable?
Non é isto a confesión? Obxectoume un amigo.
Creo que non, porque na confesión:
- Estás admitindo o sacramento e vas voluntariamente.
- Amosas a conciencia a quen aceptas como representante de Deus.
- Hai unha garantía de privacidade: segredo de confesión.
Pode un bispo asumir o papel de Deus en contra da vontade do presunto pecador e acusalo en público? Pouco lles importan, Rafael, os cc. 6 e 1.695 do Código de Dereito Canónico. Están a un milímetro por debaixo de Deus Pai.

Matizacións
Ao día seguinte, 15, chamou á Ser para matizar, e acusou aos medios de mal interprretar as súas palabras. Pediu un hipotético perdón teórico se ofendese a alguén. Mal interpretalo os outros e pedir perdón parecen contraditorios, segundo a lóxica escolástica.
Tamén se exculpou dicindo que dera unha resposta teolóxica, como se estivese en Radio María. Creo que a teoloxía debe empaparse de antropoloxía (léase humanidade). A fórmula teoloxía + antropoloxía pode ser incómoda, como a teoloxía da liberación e a Igrexa dos pobres. O reloxo eclesial está marcando tempo de contrarreforma.
O 16 de xaneiro volveu matizar as súas palabras noutra entrevista a El País. 
Na homilía do 20, San Sebastián, abundou na mesma idea.
Igual podemos empezar a entender a oposición do clero vasco sen buscar causas externas.

Mundo rico, mundo pobre
   A globalización mediática ofrece posibilidades marabillosas, tamén para casos de catástrofes naturais. Con todo, Haití leva anos, séculos, sufrindo outras catástrofes non tan naturais, e iso non aparece nas televisións, que son capitalistas. O espectáculo mediático dos primeiros días parecía algo morboso. Cando os medios decidan que o tema xa non vende, sacan outro debate e outro...  nunha voráxine consumista. O grave problema da humanidade e a distribución de riquezas, son as diferenzas abismais entre o Primeiro e o Terceiro Mundo, entre a maioría pobre e a minoría rica. Diferenza que se vai agravando cada ano.

Curas/bispos vascos
   Está ben que seis bispos  e moitos curas concelebrasen unha misa  polos 14 sacerdotes executados polas tropas franquistas, pero parece algo surrealista: tiveron que pasar 73 anos de silencio cómplice, nos que nada dixo o Vaticano nin a Conferencia Espiscopal, nin o dixeron agora.,
   Por contra, foron canonizados 498 relixiosos, vítimas dos republicanos, para contrarrestar o eco da Lei de Memoria Histórica.
   O perdón que pediron supoño que sería polo silencio encubridor, pois eles non son responsables dos asasinatos dos que eran nacionalistas  e defendían o réxime democrático establecido. Son responsables, en cambio, de que se lles negase un funeral e de que non se rexistrase o falecemento da maioría nos libros parroquiais.
   Este xesto parece máis oportunista ca cristián, para congraciarse co PNV, que acababa de sufrir un revés electoral.

Lectura
   O azar quixo que acabase estes días a lectura de El viaje del elefante. José Saramago. Alfaguara. 2008.
Conta a historia da viaxe dun elefante desde Lisboa a Viena pasando por Valladolid, Rosas, Venecia, Padua, Trento. Desenvólvese no século XVI, cando se celebraba o concilio de Trento. É respectuoso coa Igrexa pero deixa caer irónicas ideas sobre pasaxes da Biblia e sobre prácticas fraudulentas da Igrexa para conseguir poder e diñeiro. Non é novela histórica.

Parabéns
   Moitos anos de felicidade para Antonio, compartidos coa súa dona e fillos, por facernos partícipes dun fito familiar.
   A pedagoxia recoméndame cortar, aínda que non rematase o tema.

                           Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario