Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 2 de octubre de 2009

O GALEGO SOMOS NÓS

O Miño é tamén unha nai
que manter quere unidos os fillos
que falaron idioma común:
Gallaecia, Galicia e mais Portugal.
Non quero deixar pasar outro día sen dar a benvida á Quinta a Luís Sánchez , a través do blog, e a Andrés López Amboage e a Miguel Angel Doval Pose, presentes na convivencia, por conectaren con nós despois de tantos anos.
As grazas tamén para os que traballaron invisibles e conseguiron un día redondo. Idem polos agasallos de Enrique (DVD) e de Xosé M. Barral (fotos), que actúa tan discretamente desde hai anos que mesmo parece que non valoramos tanta xenerosidade.
A estrofa cabeceira permíteme conectar o día de convivencia cun tema presente nas entraadas de Luís e Rafael: o galego.
O galego é o noso ADN como pobo, o galego somos nós.
Tamén nos lembra o desenvolvemento en maduración (case prematura) dunha lingua que fructificou nas cantigas polos séculos XII, XIII e XIV.
Enunciarei sete ideas básicas:
1. Linguas irmás.
É frecuente asistir á defensa dunha lingua cargando contra outra. Denigramos o galego por inútil para enxalzar o inglés por imprescindible. Creo que iniciar o argumento con estas premisas invalida a conclusión, porque ningunha lingua é inimiga doutra, todas son irmás e comparten o obxectivo da comunicación. Só o cerebro das persoas inventa liortas e competitividade entre elas.
2. A lingua é un código.
Existen máis de 4.000 linguas que naceron como unha necesidade de cada comunidade (lingüística) para comunicarse, como un recurso para entenderse. Non para excluírse nin para entenderse a balazos. É un código de comunicación, versión adaptada de Logos e do Verbum.
No imperio romano foise substituíndo a lingua imposta por cada unha das linguas románicas, adaptadas a cada pobo e cultura.
3. A lingua é unha obra de arte.
Todas as linguas son válidas, porque son obras de arte que naceron da esencia, da alma secular de cada pobo.
Cando morre unha lingua, porque fina o derradeiro falante, a humanidade toda sofre unha perda, unha desgraza. A cultura espiritual humana queda mermada.
Dicía Castelao que deixar morrer unha lingua sería como derrubar o Pórtico da Gloria.
4. Valor e utilidade dunha lingua.
Adoita confundirse o valor (intrínseco) dunha lingua coa súa utilidade, que está a mercé dos acontecementos histórico-políticos e mesmo varía segundo rexións xeográficas.
O galego foi idioma culto, despois foi lingua só falada por labregos, mariñeiros e artesáns, e agora é lingua de liturxia civil, minorizada e en regresión. A historia dos idiomas está vencellada ás vicisitudes políticas.
A oposición inglés/galego podería trasladarse, exactamente igual, a inglés/castelán, porque este tampouco é útil en Londres, en Pequín ou en Toquio.
O valor dunha lingua non se mide poa utilidade nin polo número de falantes. Mídese polo que significou e signica para unha comunidade. A gran maioría das linguas está minorizada e moitas en perigo de extinción.
5. O idioma configura o noso cerebro.
O idioma configura tamén a nosa estrutura mental, interpreta o mundo que nos rodea a través da palabra. A lingua materna é a nosa casa, a casa onde estamos máis cómodos, o espazo polo que nos movemos cos ollos pechados. Renunciar á casa, ao idioma mamado, á lingua dos nosos antergos, é apearse do tren colectivo, é desconectar do acervo común, é traizoar a conciencia de pobo.
6. Cantas máis linguas, mellor.
Cantos máis códigos lingüísticos saibamos, máis posibilidades de comunicación teremos e máis plasticidade para aprender outras linguas novas.
Reclamar un esperanto, léase inglés, é renunciar á capacidade específica dos humanos e baixar á escala animal, porque estes sempre tiveron linguaxe universal repartida por especies: ladrar, rinchar, ornear...
7. Cada idioma é un mundo.
Cada lingua é caprichosa e ten o seu xenio, o seu trasno, que a vai cambiando como un ser vivo ao longo dos séculos, sen que ninguén se poña de acordo. As academias da lingua só recollen o aceptan o que os falantes e escritores van adoptando.
Como esta entrada xa resulta bastante longa e abstracta, deixo aquí o tema coa promesa de enviar un exemplo práctico que ilustre esta idea.
N. B.
Gustoume moito un ensaio de Xesús Ferro Ruibal, ex cura e membro da RAG:
A Igrexa e a lingua galega. Consello da Cultura Galega. 1987.
Ven demostrar que Xesús elixiu a lingua do seu pobo, o arameo, a lingua desprestixiada, a lingua dos ignorantes, a lingua B nun contexto diglósico. Non utilizou a lingua culta, hebreo, nin a lingua franca, grego, máis universal.
Esta idea podería abrir un intercambio de opinións interesante cando participen máis os cregos. Tempo haberá.
Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario