Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 25 de octubre de 2009

MISCELÁNEA

Amigos todos: Como o título indica esta comunicación vai ser un remexido de moitas cousas, desordenada, pero sen intención trapalleira.

MANIFESTACIÓN PRO LINGUA: En primeiro lugar aclarar que, cando dixen que entre tanta xente que asistiu , encontrei a moitos coñecidos, había tamén grandes amigos como Luciano Pena. Queda dito. Foi esa concentración, tan multitudinaria de xente, como o alento dun pobo que vive e medra sen perder os seus sinais de identidade. O que nos motiva e da folgos para pensar que imos por bo camiño aínda que sexa amodiño.

Daba xenio ver a Avelino Pousa, que significa un elemento de unión coas diferentes xeracións que defenderon o galego desde os anos 30 até hoxe,como dixen xa ,alumno da casa grande de Sanmartiño como nós, berrando na praza da quintana de vivos e mortos, chea a rebentar : se os galegos aínda somos galegos, é por obra e graza da nosa lingua, que temos que defender¡, palabras que lle oíra a Castelao no ano 31 e que teñen vixencia tantos anos despois. Galicia está viva ¡

RESPOSTANDO: Ao compañeiro Senín, ademais de saúdalo afectuosamente, pensei que lle acontecera algo por levar tanto tempo ausente, teño que dicirlle que conforme ao cen por cen en que nunca mais guerra civil e que foi a traxedia mais infernal que lle pode pasar a un pobo. Lembrar soamente o que deixou dito Winston Churchill "Los pueblos que no conocen su historia están condenados a repetirla" Por iso témolo dereito e incluso o deber de saber o que pasou.

Respecto ao que dis sobre a Asemblea de cregos e bispos do ano 1971 estás acertado no sentido en que estudaba a maneira de pedir perdón. Intentouno. Segundo as memorias de Tarancón:

“La Asamblea se planteó la postura de la Iglesia ante la Guerra Civil. La ponencia primera, que trataba sobre la Iglesia en la sociedad española, incluía esta conclusión: “Si decimos que no hemos pecado, hacemos a Dios mentiroso y su palabra ya no está en nosotros (1 Jn 1,10). Así pues, reconocemos humildemente y pedimos perdón porque nosotros no supimos a su tiempo ser verdaderos ministros de reconciliación en el seno de nuestro pueblo, dividido por una guerra entre hermanos".
“Pero en la Asamblea conjunta, con la reconciliación, se incluía un reconocimiento de culpa y una petición de perdón. Y eso fue demasiado para 70 de los presentes. Es decir, 70 votaron en contra. Como se requería una mayoría de dos tercios, la conclusión no obtuvo mayoría suficiente para ser aprobada. Se introdujo una modificación: “no siempre hemos sabido ser verdaderos ministros de reconciliación”. Sometida a una segunda votación, la conclusión tuvo 122 votos a favor, 113 en contra y 10 abstenciones.” “Era lógico que esa conclusión – de la que habían hablado en todos los tonos y rasgándose las vestiduras los periódicos gubernamentales – levantase una polvareda en el aula. Yo preveía esto, pero creía sincera y honradamente que era muy conveniente que esa voz sonase – aprobada por obispos y sacerdotes, aunque no obtuviese los votos indispensables para ser aprobada – en una reunión de esa clase para ir despertando la conciencia de muchos”.Comenta o cardeal Vicente Enrique y Tarancón en Confesiones:”Ed. PPC.Madrid 1996”
Posteriormente creo que houbo algún documento dos bispos pedindo perdón .

A min paréceme que a Igrexa nunca debeu de aceptar,cando a guerra estaba a punto de terminar, o 9 de Febreiro de 1939 en que se publicou a Lei de Responsabilidades Políticas na que se ordenaba ao Xuiz Instructor que debía “pedir la urgente remisión de informes del presunto responsable al Alcalde, Jefe Local de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, Cura Párroco y Comandante de Puesto de la Guardia Civil del pueblo en que aquel tenga su vecindad o su último domicilio, acerca de los antecedentes políticos y sociales del mismo".Ao abeiro dese precepto legal arruinóuselle a vida a moita xente e os curas párrocos non tiñan porque estar niso nin os bispos permitilo. E certo que algúns tamén salvaron vidas pero niso nunca deberon estar. Agora despois de 70 anos empezarán a abrirse os arquivos do Vaticano e coñeceremos algunhas cousas que até o de agora eran secretas.

Eses son datos históricos desa época. E certo que diso débese falar ou escribir con rigor e sosego. Afirmativo. (Dese modo respondedes os militares cando acudides a un xuízo e se vos pregunta. Ou negativo.)
A Eduardo teño que dicirlle que gracias por compartir a opinión sobre D. Enrique. Foi un apóstolo incansable da palabra. Algún día teráselle que facer xustiza .Sobre o estudio da lingua que fixeches pareceume moi interesante. Imprimino e lémolo todos na casa. Comenteino cos que levan normalización lingüística e imos, nun blog que temos cos alumnos, facer un comentario sobre cada un dos comportamentos e opinións que tan ben sintetizas.

Ao amigo Doval que non lea todo o que din as plataformas que promoven o galego senón xa non ten tempo para participar.
A López Amboage: Precioso o poema. Deléitanos mais veces coa túa lírica. Ou coa prosa que seguramente se che dará ben. Tantos anos sen verte e sen embargo a voz é a mesma que tiñas antes. Contigo pasoume como con Agustín que, despois de varios anos sen velo, un día,hai anos, no Corte Inglés da Coruña escoitaba unha voz característica e coñecida e seguín dando voltas detrás das andeis ata encontrarme con el. A memoria auditiva tamén grava e rexistra para sempre.

A D. Fernando Ledo que nos conte como segue a súa delicada saúde. Segues sendo afeccionado ao cine? Hai,eu aínda non a vin, unha película “AGORA”que me dixeron que estaba moi ben. Vai do que nunca nos contaron. De como se impuxo o cristianismo, por Edito, e do que pasou coas relixións politeistas preexistentes. Se a ves e a queres comentar revivimos aquel foro de cine e teatro que lle gustaba facer a Ares Espada cando nos deixaba ver “Estudio Uno”. Lembraste?

A López González que nos manteña informados de si progresa o da Rúa adicada a Constantino Trillo e, por suposto, doutras cousas.

A Andrés hai que dicirlle que a súa ausencia e comprensible. A semana pasada fun ao funeral pola nai dun amigo e estrañoume ver a tanta xente na Igrexa. Había as familias de tres defuntos polos que aplicaban a misa.

Poño fin. Xa está ben por hoxe. So me resta contarvos o que me pasou o Xoves nunha clase de garda. Había unha alumna nova que chegara o Luns para 2º da ESO. Viña de Zaragoza por traslado laboral do pai. Sabía que temos lingua propia e ten disposición de aprendela .Eu tiña unha revista desas que edita a Mesa pola Normalización e díxenlle que tiñamos palabras moi bonitas. Dime algunas.
Foi casualidade que viñesen na revista as seguintes:XOANIÑA, AMORODOS, PREGUICEIRO, ARCO DA VELLA, BOLBORETA PARABENS, SORRISO,GAITEIRO, VENTO, CHORIMA, ACOUGA, GAIVOTA ALOUMIÑO. ANDURIÑA, GOLFIÑO,
Parecéronlle moi bonitas e copiounas. Remato. Para aqueles que vivides fora de Galicia, para os demais tamén,seguro que tamén vos parecen bonitas. Imaxinádevos que son unha ducia de rosas e con elas, ben todas xuntas ou en varios xarros, distribuídeas pola casa adiante e veredes que ben arrecenden. Deica a próxima. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario