Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 12 de octubre de 2009

Galicia sempre

Estimados amigos todos: Nesta longa ponte que temos,bendición ,conforme nos explicaban de nenos,que debemos ao Apóstolo a quen se lle apareceu a Virxe sobre un Pilar para darlle azos, -se non fose por el tiña que haber escola- vou a facer uns comentarios sobre a nosa maltratada lingua. Estes días está de actualidade. Hai convocada unha gran manifestación para o Domingo vindeiro na Capital.
Respondereille ao que nos pide Miguel Angel Doval. Intentarei darlle folgo e alento a Fernando Ledo para que se manteña firme e seguro e coa sensibilidade que sempre tivo para o galego, igual que Andrés, Alvite e outros mais. Felicito de antemán a Eduardo polo que nos vai contar sobre as causas do esmorecemento do idioma. Boto de menos ao querido Senín. Espero que non lle teña pasado nada preocupante. Contarei uns feitos sobre a vida e a morte dunha lingua e se o fago todo xa, para esta vez, estará moi ben.

En primeiro lugar a Miguel Angel debo dicirlle que o teatro principal de Santiago debe ter algún feitizo ou trasno bo que desperta o sentimento galeguista e o enraíza. Avelino Pousa Antelo, dos poucos galeguistas históricos que quedan, cumpriu 95 anos hai pouco ,foi seminarista ata sétimo en Sanmartiño Pinario,daquela Universidade Pontificia de Santiago e, tamén escoitando a Castelao no ano 1931, nese lugar ,converteuse ao galeguismo de por vida. Ten traballado arreo por e para a nosa terra. O amigo “pirrakis”que tan ben nos tratou en Setembro, na Guarda, poderíanos falar del. Ía a visitalo con frecuencia ao Seminario.
Non te sintas obrigado de lle responder a Eduardo sobre o que che pregunta sobre cando e como se impuxo o galego. Ti non estás ao tanto do que acontece aquí a diario. Eduardo refírese a unha campaña,moi agresiva das últimas eleccións galegas, e que segue a través de algúns medios onde se afirmaba que o castelán estaba en perigo en Galicia pola imposición que había do galego que non permitía que cadaquén se puidese expresar en castelán se quixer. Algo esaxerado. Ti non te refires a iso se non a que o estudo do Galego impúxose por Lei no ensino ,a través do Estatuto, da Lei de Normalización Lingüística .E a lingua oficial que non ten nada que ver con que se impoña pola forza o idioma e se impida a ninguén expresarse como queira se respecta as normas aprobadas democraticamente,que, como ti ben sabes as leis que nos damos e son todas de obrigado cumprimento e non so as que nos conveñen. Nese caso non estariamos nun Estado de Dereito se non nunha anarquía ou nunha ditadura.

Na actualidade hai estas plataformas traballando,que eu saiba, en favor do idioma:

A mesa pola normalización lingüística
Galego patrimonio da humanidade
Queremos galego
Galegosempremais
Prolingua
Galicia bilingüe

En case todas hai algunha xente moi coñecida. A primeira é unha das das que mais tempo leva traballando. Hai xente do Bloque pero tamén galeguistas independentes. A segunda parece que a promove xente socialista. A terceira xente nacionalista. A cuarta xente mais independentista,xeralmente moza, e que defende o reintegracionismo que é un galego escrito moi semellante ao portugués e brasileiro. A quinta xente maioritariamente sen tendencia política partidaria pero galeguistas. Eu verás que aparezo asignando esa. A sexta é xente da mais ultraconservadora do partido popular que rompeu coa postura que tivo sobre a lingua nos tempos de Fraga en que se aprobou por unanimidade o plano de normalización lingüística. Penso que esta traballa mais en contra que a favor. Xa ves que hai onde escoller. Aí podes informarte.

Hai un documento: PNL 22x24a.indd que podes ver en Internet que aprobou o Parlamento galego por unanimidade no ano 2004 .Traballou moita xente nel. E o traballo mais serio que se leva feito para a normalización do galego que é de todos e de ninguén en exclusiva .Se tes a paciencia de lelo verás que é un traballo metodolóxico e rigoroso e no que se implicou moita xente. Magoa que non sexa a folla de ruta,como se di agora,de todos.

A Fernando Ledo, bo e xeneroso, dicirlle que esa labor calada de misar en galego e falarllo aos rapaces,por mais que eles non o falen hai quen o aprecia e é tamén unha forma de facer país. Sorprendeume, no Maio pasado, unha carta aberta que publicou “A Opinión “adicándolle unha páxina,de Pilar García Negro. Esta muller,na Coruña é moi coñecida, fai un verdadeiro panexírico da liturxia en galego. Recollo unha pequena parte da carta que me pareceu unha radiografía perfecta da historia contemporanea do noso idioma,

“Foi, nos primeiros días do mes pasado, por mor do falecemento de miña nai, que enterramos na parroquia, Cadrón, da súa aldea natal, Lamas, no municipio de Lalín. Sen dubidalo un instante, pedinlle a Alfonso que oficiase o funeral e falase ao efeito co párroco e outros cregos oficiantes. Así o fixo: o galego reinou de principio a fin, nun póstumo acto de desagravio a quen tivera, naqueles mesmos lugares, que sepultalo e erradicalo para progresar na vida. A lingua única da socialización primeira, aquela que a finada tivo que desaprender, a que recuperara, orgullándose entón de todo o seu pasado, na madurez e na vellez, a que restaurou tamén na leitura, imposíbel nos seus anos de estudante e de mestra..., esa foi a lingua galega devolvida emotiva e solemnemente no acto de despedida derradeira, rubricadas as palabras coa música que, en homenaxe a ela, interpretou Xosé Manuel Sánchez Rei, naturalmente coa Muiñeira de Chantada á cabeza... Grazas mil a este profesor-músico, a Alfonso, a José Antonio García Otero, a Manuel Areán, a Amalio Cumplido, concelebrantes. Na mellor tradición humanista, Alfonso fixo o retrato fiel da muller que estabamos a despedir, boa filla, mestra, nai e amiga. Non teño palabras para lles agradecer a todos eles a súa bondade e os froitos cordiais do seu cariño. Sexan as deste artigo oferenda cativa de admiración e de recoñecemento pola miña parte, así como de satisfacción enorme ao comprobar como o galego ten tamén futuro vinculado á fe, ás prácticas relixiosas e á asemblea de cristiáns.”

Penso que isto reforza o labor de algúns cregos para que sigan nese camiño que sempre hai quen o recoñeza e tamén se precisan uns aloumiños,como dixo Andrés, para seguir camiñando na boa dirección.

Vou contar uns feitos e logo a ver se Eduardo nos da a clave para entender porque canto menos sabiamos de galego mais se falaba e hoxe que tanto sabemos a xente, sobre todo a moza,deixa de falalo.

-Un escritor galego,dos bos e acreditados, díxome un día: “Eu a miña muller conquisteina en castelán e agora falamos galego entre nós, por convicción, pero cando lle quero dicir cousas bonitas dígollas, téñollas que dicir, en castelán se non atópome ridículo e non son capaz”

-Na escola de aparelladores o meu fillo rematou o ano pasado e só tivo algunha clase en galego de arquitectura tradicional. Da as clases en galego Miro Casabella ,o de voces ceibes,e algún mais, 0 3% do profesorado. Podes facer a carreira sen que teñas ningunha clase en galego. Andrés saberá como está a cousa noutras facultades. Eu fixen un cursiño de 10 créditos (100 horas ) en Dereito e dos 50 relatores,moitos galegos, so un bolseiro que substituía a un de Mercantil nos falou en galego.

-Hai moitos anos ,estando de acampada cun grupo de alumnos arredor do lume, de noite, un natural de Muxía e que veu para a Coruña aos 9 anos, falaba moi ben o galego, dime: Rafa nunca vas a conseguir que falemos galego. Para nós está asociado a andar descalzo, pasar fame, pisar bosta, vivir nunha casa sen luz e auga. Hoxe encóntroo algunha vez, ten 40 e moitos anos e dime: falo galego contigo porque che gusta pero xa ves que non vai para diante..A súa filla fálalle castelán.

-No Instituto hai profesoras que fixeron os cursos de galego. Sábeno falar e escribir. O libro de texto está en galego. Inténtano falar na clase e os alumnos dinlle: Profe estás nerviosa. Fálanos en castelán que te explicas mellor. Coméntanme: Rafa contigo xa ves que falo pero a clase non son capaz de a dar. Retirouse o curso pasado sen solucionar o problema.

-Xosé Ramón Barreiro,hai tempo, díxome: Mira o Rivaldo, un brasileiro xogador do deportivo, mentres estivo na Coruña facía as roldas de prensa en castelán e leva catro meses en Barcelona e xa fala en catalán. Estamos pensando en facer unha campaña publicitaria a ver se a través dalgún dos novos ídolos da xuventude poñemos de moda falar galego entre os mozos e esa é unha solución para a perda constante de falantes. Se esa fose a solución hai que argallala canto antes.

-O catedrático de latín, non é galego, dime: El gallego está asociado a lo rural y a lo marinero.,pero a medida que la gente se viene a la ciudad se olvida del gallego y eso no lo podreis negar.

-Sempre dei as clases en galego pero permitín que a min me falasen en castelán e mais fixesen os exames como quixeren. Nunca encontrei rexeitamento. Hoxe os sudamericanos,cada vez temos mais dinme: te entendemos pero cuando nos preguntes te respondemos en castellano. Habla gallego.

-Cando nalgún curso, cursiño ou reunión de pais (fun durante 18 anos o asesor xurídico da Federación e Confederación Galega de pais de alumnos de Centros Públicos) sempre falei en galego permitindo que me preguntasen na que se expresasen mellor e nunca tiven problema.

-Se vas a unha conferencia é o que fala é galego, e da a conferencia en castelán, se no coloquio pregúntaslle en galego ,respóndeche en galego ou en castelán. No público ninguén se inmuta.

A ver se Eduardo, ou outros que tamén saben moito disto, non explica o que pasa para que os falantes vaian a menos. Eu se o entendo que o demo me leve .Remato. Saúdos a todos: parabéns a Antonio Puertas polas súas poesías. E dado o día de festa civil non hai mais remedio que berrar: que vivan os maños, A Pilarica e mais a Garda Civil .Deica a próxima.Rafael

1 comentario:

  1. Os parabens,amigo Rafael,témochos que dar a tí,porque,en cada artigo que escribes,dásnos unha lección de galego.Eu,como xa teño dito,no no estudiei,e o que escribo é o que falo (vulgo digitur )Teño muitísimas dubidas,pero bueno,no teño vergoña escribilo como sen.
    Un saudo
    A.Puertas

    ResponderEliminar